Xogando o inverno (5 anos)

 Boa tarde!

Esta semana afondamos sobre o inverno e, en especial, o noso interese centrouse nos polos e nas auroras polares. Aquí vos deixamos imaxes dalgunhas cousiñas que andivemos a facer.

Buscamos o Polo Norte e mais o Polo Sur na bola do mundo, descubrimos como se producen as auroras polares e a diferenza entre aurora boreal e aurora austral. 

Tamén xogamos a crear as nosas pintando con xeo sobre papel continuo, ambientando a aula con música relaxante e imaxes coa temática.



Por outra parte rematamos as nosas obras invernais sobre papel aluminio escribindo os nosos nomes e dándolle un título. Tamén colgamos as vidreiras de folerpas nas ventás, e xogamos a descubrir as palabras que se escondían no noso abecedario encriptado. 

Continuamos a traballar coas letras móbiles de madeira, indicando a letra inicial de cada figura, o número de sílabas, compoñéndoa… 


Ademais conmemoramos o Día da Paz, realizando o mural “O meu momento de paz”, lendo o conto “Nos tratamos bien” e reflexionando moito sobre o que nos ensinaba.. en cada aula de infantil preparamos propostas moi divertidas para xogar xuntos, e na nosa tiñamos unha para explorar e crear a través da luz, papel triturado e bolsiñas transparentes. Pasámolo fenomenal!


Para rematar, a pasada semana inauguramos o proxecto “21 días en galego”, no que participamos. Cantamos moitas cancións e, seguindo a proposta da artista Cocovan  titulada “The world letter”, escribimos nos corazóns propostas para mellorar que pegamos no mural da entrada. 



Comentarios

Entradas populares de este blog

Primeiros días en 3 anos!

Saídas desta semana